25 mar 2013

Bendición dos ramos en Atalaia

Hoxe, con motivo das celebracións propias da Semana Santa, e a petición dos nosos usuarios/as, celebramos no centro unha misa todos xuntos, que oficiou o padre Ramón, sacerdote da parroquia Nosa Señora das Nieves de Teis.

Aproveitamos para bendecir os ramos de olivo, posto que moitos dos maiores non puideron achegarse onte ás súas parroquias a cumprir coa fermosa tradición.

 Aquí tedes as fotografías da xornada:

Marzo... o mes de amosar as nosas cualidades artísticas

Se dicimos que Atalaia está cheo de artistas, creo que a estas alturas non vos descubro nada novo. Ó longo destes anos xa demos sobradas mostras das nosas habilidades para as artes escénicas, o canto, o baile e demais...

Pero este mes, no que a choiva non nos quere dar tregua, entrounos "a vena pictórica" e empregando unha técnica un tanto especial, decidimos poñernos a facer cadros para renovar a decoración das paredes da casa.
 
Despois dun mes cheo de traballo, xa temos resultados que amosar, así que aquí deixamos as fotos do proceso e do resultado para que poidades ver o que nos deu de sí un cartón, fariña, auga, sal e pintura acrílica.

Fixemos un traballo colaborativo, no que todos participamos, polo que son cadros de autoría compartida.

Os dous primeiros da remesa son os que vedes na foto da dereita, ós que decidimos bautizar, despois dun longo proceso deliberativo, co nome de "Laberinto de primavera I e II". Están expostos na galería do centro, nun lugar moi visible para que todo aquel que se achegue ó noso centro os poida desfrutar.

Aínda que lles temos moito cariño, por ser os primeiros, se algún de vós está interesado, podemos "negociar" un prezo de venda. (Igual cuela e nos facemos ricos). Tamén aceptamos encargos, así que xa sabedes...

Nós xa temos en marcha algún traballo máis, do que podedes ver as primeiras referencias nas fotos.

Aquí as tedes:



Orgullosos 83...

Os que seguides con regularidade o noso blog, ben sabedes que para nós cumprir anos é sempre motivo de celebración e recoñecemento.
Desta vez, é Ramiro o que celebra connosco o seu 83 cumpreanos.

¡¡¡¡¡¡Moitísimas felicidades, compañeiro!!!!!!!

Como xa é tradición por Atalaia, a tarta e o agasallo non poden faltar e as fotos para que poidades ser testigos de todo (ou case todo) o que acontece tampouco.

Aquí as tedes:


12 mar 2013

Tarde de celebración en Atalaia

Hoxe voltamos estar de celebración por Atalaia.
Desta vez o "culpable" foi Jose Castro, que cumpliu o pasado domingo uns espléndidos 83 anos de nada.
¡¡¡Moitísimas felicidades Jose!!!!






Todas as mulleres da casa quixeron achegarse a felicitar a Jose, que como poderedes ver nas fotos, repartiu bicos a reo.
Adicamos un tempo a botar un baile, por iso de ir queimado as calorías do que viña despois, esa magnífica tarta de froitas que podedes ver na imaxe.

Despois cantamos xuntos esa fermosa canción que di "Cumpreanos feliz..." e fixemoslle entrega dun agasallo feito con todo o noso agarimo para que lembrase algúns dos seus mellores momentos do ano no centro de día.

Para rematar, todo xuntos demos boa conta da tarta, da que, sentíndoo moito polos que non estivestes, non deixamos nin as migas...

Aquí podedes ver as fotos da tarde:


6 mar 2013

A Santiago voy...



O pasado sábado, o equipo de profesionais do Centro de día Atalaia ó completo nos desprazamos á cidade de Santiago de Compostela para participar nun foro de formación que levaba por título "Deseñando o noso futuro xerontolóxico" organizado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O foro, centrado no futuro e os novos retos dos centros de atención a persoas maiores, reuniu no Hotel Congreso de Santiago a 220 profesionais do sector.

Nesta xornada, relatores doutras comunidades autónomas e técnicos de distintos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar reflexionaron sobre os novos deseños, a atención e as posibles melloras nestes servizos.



Ana Fieira, directora do noso centro, participou na mesa que levaba por título "O prototipo dun centro de día: estrutura e habilidades profesionais", cunha fantástica intervención que se centrou nas claves dun trato humanizado.



1 mar 2013

Celebrando os oitenta e tantos...

Onte foi día de celebración por Atalaia, e ademais por partida triple.

Carmiña



Tres das nosas usuarias celebraron connosco o seu aniversario, Secundina, Carmiña e Carmen.
 
Como ben sabedes, gústanos moito isto da festa, polo que aproveitamos a ocasión para botar un baile todos xuntos, que non se cumpren oitenta e tantos tódolos días.

Preparamos uns agasallos para as nosas compañeiras, que según podedes ver nas fotos, parece que lles fixeron bastante ilusión.

Despois chegou o momento de cantar iso de "Cumpreanos feliz...", soprar as velas, e pedir un desexo a cumplir durante este ano.

Rematamos a tarde cun brinde con cava todos xuntos e degustando a deliciosa tarta de fresas con nata que preparamos para a ocasión.

Carmen S.
Secundina


¡¡¡¡¡ Moitísimas felicidades ás tres!!!!!


Podedes ver as fotos da tarde aquí: