Se dicimos que Atalaia está cheo de artistas, creo que a estas alturas non vos descubro nada novo. Ó longo destes anos xa demos sobradas mostras das nosas habilidades para as artes escénicas, o canto, o baile e demais...
Pero este mes, no que a choiva non nos quere dar tregua, entrounos "a vena pictórica" e empregando unha técnica un tanto especial, decidimos poñernos a facer cadros para renovar a decoración das paredes da casa.
Despois dun mes cheo de traballo, xa temos resultados que amosar, así que aquí deixamos as fotos do proceso e do resultado para que poidades ver o que nos deu de sí un cartón, fariña, auga, sal e pintura acrílica.
Fixemos un traballo colaborativo, no que todos participamos, polo que son cadros de autoría compartida.
Os dous primeiros da remesa son os que vedes na foto da dereita, ós que decidimos bautizar, despois dun longo proceso deliberativo, co nome de "Laberinto de primavera I e II". Están expostos na galería do centro, nun lugar moi visible para que todo aquel que se achegue ó noso centro os poida desfrutar.
Aínda que lles temos moito cariño, por ser os primeiros, se algún de vós está interesado, podemos "negociar" un prezo de venda. (Igual cuela e nos facemos ricos). Tamén aceptamos encargos, así que xa sabedes...
Nós xa temos en marcha algún traballo máis, do que podedes ver as primeiras referencias nas fotos.
Aquí as tedes:
No hay comentarios:
Publicar un comentario