Coma tódolos anos por estas datas, a través dos centros de saúde dá comezo a campaña do Sistema Galego de Saúde (SERGAS) de administración de vacinas fronte a gripe.
A gripe é unha enfermidade altamente infecciosa que en persoas adultas sas non ten, xeralmente, demasiada gravidade. Pero en certos colectivos sí que pode constituír un risco grave de saúde, como é no caso de persoas coas defensas baixas, nenos e, no caso que nos ocupa, persoas maiores.
Por todo isto recomendo que acudan ó seu centro de saúde, para asesorarse sobre a conveniencia de que se vacinen fronte a gripe as persoas maiores que están ó seu cargo, así como vostedes mesmos. Sería convinte que aproveitasen a visita ó seu médico de cabeceira, para revisar outras vacinas necesarias no maior, como son a vacina fronte ó neumococo (esta bacteria produce con frecuencia neumonías, con graves consecuencias para os maiores e inmunodeprimidos) e a vacina fronte ó tétanos e a difteria. É de utilidade que ó acudir ó médico do centro de saúde para revisar as vacinas necesarias para o maior, leve con vostede as antigas cartillas de vacinación que poida ter o maior na casa.
RECORDE, É MELLOR PREVIR QUE CURAR
Se o maior se atopase enfermo e sospeitasen de gripe, a mellor actuación será poñerse en contacto telefónico co centro de saúde, e deixalo namentres na casa, para evitar que infecte a outras persoas.
As vacinas preveñen moitas enfermidades graves, evitando tratamentos con moitos efectos secundarios e menos efectivos que unha vacina a tempo. Lembre que a Consellería de Sanidade habilitou un teléfono para atender emerxencias non urxentes: 986 806350. Tamén poden chamar ó seu centro de saúde para maior información sobre a campaña de vacinación.
NO CASO DE VACINAR O MAIOR, AGRADECERÍAMOS QUE NOS INFORMASE PARA QUE CONSTE NO CENTRO DE DÍA.
Carlos García Domínguez
Enfermeiro do Centro de Día “Atalaia”
No hay comentarios:
Publicar un comentario