2 jul 2012

A Festa de Fin de Curso do Programa Interxeracional e Intercultural

O pasado mércores voltamos ter festa por aquí no Atalaia. Nesta ocasión celebrábamos a festa de fin de curso do noso programa intercultural e interxeracional.
 Para esta ocasión tan especial na que participaron os maiores, usuarios/as do noso centro, os nenos e nenas que compartiron as actividades con nós durante todo o curso, as mulleres de orixe estranxeira asistentes o Programa de Alfabetización que desenvolve o Plan Comunitario de Teis, así como os traballadores/as e voluntarios/as que durante todo o ano colaboraron co programa, organizamos unha tarde especial chea de actividades.

Comezamos cun obradoiro para aprender a tocar o Djembé, un tambor tradicional africano. Para desenvolver esta actividade contamos coa presenza de Jorge Pérez, un prestixioso percusionista, profesor na Universidade de Vigo e no Conservatorio de Música de Pontevedra, acompañado por un grupo de alumnos da UNED.
Para iniciarnos na actividade, primeiro fixeron unha demostración e despois, repartidos en dous grupos recibimos unha pequena clase práctica.
Temos que agradecer a estes mozos e mozas que compartisen desinteresadamente esta maravillosa tarde con nós.
Tamén, entre todos elaboramos un mural conmemorativo. Despois compartimos todos xuntos unha deliciosa merenda intercultural, con receitas de diferentes paises do mundo e rematamos a tarde con música e baile.
Podedes ver as fotos da festa aquí:


29 jun 2012

O San Xoán polo Atalaia

O pasado sábado día 23 desfrutamos dunha estupenda xornada festiva en compañía das nosas familias e amigos/as.
Comezamos a iso das 11:00 nunha espléndida mañá que nos permitiu gozar da nosa maravillosa terraza con vistas á ría...
Recibimos a visita de dúas meigas (Habelas hailas...) que nos puxeron ó día de tódolos rituais necesarios para superar con éxito a noite máxica de San Xoán (o lume, a auga, as herbas, a queimada...)
Despois compartimos todos xuntos un aperitivo.

Foi unha mañá fantástica, que queremos compartir con todos vós a través destas fotos: Temos algunhas fotos máis, que por cuestións técnicas, tardaremos algún días en subir. .. Desculpade as molestias...

14 jun 2012

¿Imos xuntos de festa?

Estamos en xuño, xa pasaron seis meses desde o noso último encontro con motivo das festas de Nadal. Pensamos que é un bó momento para volver a reunirnos e compartir unha xornada xuntos, traballadores do centro, maiores e vós, as familias.

 A nosa proposta é a seguinte: O próximo sábado, 23 de xuño pola mañá organizamos no centro unha xornada festiva, aproveitando que é víspera de San Xoán. Compartimos xuntos un aperitivo, realizamos un obradoiro en torno ás tradicións propias da noite de San Xoán e aproveitamos para saúdarnos e falar de aqueles asuntos que sexan do voso interese.

 A hora prevista para o encontro é as 11:00 da mañá para rematar en torno as 13:30. A idea é que, desta ocasión, veñades acompañados polos maiores. No caso dos usuarios con máis dificultades de desprazamento, existe a posibilidade que desde o centro facilitemos un servizo especial de transporte adaptado para ese día.

 Por cuestións organizativas, precisamos que nos confirmedes a vosa asistencia ou non á xornada, xunto có número de persoas que asistiriades en total por familia, así como a necesidade ou non de uso do transporte adaptado para o desprazamento. Necesitamos esta confirmación antes do xoves 21 de xuño.

Esperando que poidamos vernos o próximo día 23, aproveitamos para enviarvos un agarimoso saúdo.

1 jun 2012

Nenos/as e maiores nos despedimos ata o próximo curso

Como xa sabedes, no Centro de Día, en colaboración co Plan Comunitario de Teis, desde marzo do 2.008 desenvolvemos un programa interxeracional polo que ó longo do curso escolar, dúas tardes por semana, un grupo de nenos e nenas de orixe estranxeira e residentes no barrio, acuden ó Centro de Día mentres as súas nais asisten a clases de alfabetización no Instituto da Guía.

Durante este tempo, os nenos/as e un grupo de maiores usuarios do centro, participan en actividades conxuntas programadas de contido moi diverso (obradoiros de manualidades, cociña, contacontos, festas tradicionais das diferentes culturas, teatro, xogos, grupos de conversa,…).

Onte tivemos a última sesión deste curso, e nos despedimos ata setembro... Aproveitamos para facer un repaso das distintas actividades que fixemos xuntos ó longo de todos estes meses.

 Queremos compartir con vós algún destes momentos, polo que vos deixamos aquí unha selección das fotos a modo de resumo do que foi esta edición do programa. Esperamos que vos gusten:

Festa de cumpreanos no Atalaia

Tras uns días con problemas coa conexión a internet, hoxe, por fin, podemos publicar as fotos da festa que celebramos no centro o pasado martes 29 de maio con motivo do cumpreanos de Lola, unha das nosas usuarias.
Foi unha tarde moi emotiva, na que nos acompañou Elías, o seu marido.

Temos que dar as grazas a Loli, a súa filla, que nos enviou una deliciosa tarta de mazá para compartir entre todos, e que estaba boísima, boa proba é que non quedaron nin as migas...

Aquí tedes as fotos:

16 may 2012

Celebrando os Maios no Atalaia

Estes días andivemos moi atarefados polo centro cos preparativos da festa dos maios.
Nesta ocasión as familias nos axudastes moitísimo, polo que non podemos deixar de darvos as grazas.
Entre todos xuntamos moitas flores, fiuncho, ovos valeiros, etc.
De todos xeitos, nós tamén traballamos a reo, non vaiades a pensar. E como mostra aquí tedes algunha foto da nosa saida a recolectar polo barrio. Temos tamén que dar as grazas ós veciños, que se portaron estupendamente con nós e nos deron moitas das flores dos seus xardíns.
Unha vez recollido todo o material preciso, chegou o momento da elaboración dos adornos e do maio. Podedes ver parte do proceso nas seguintes imaxes:
E despois de todo o traballo, chegou o día da festa... Hoxe, por ser un día especial, puxémonos todos ben guapos e guapas, adornamos o noso estupendo maio e, como é de rigor, lle cantamos e le bailamos as nosas coplas:
  Pásamolo de medo, ademais de que o día nos acompañou estupendamente...

14 may 2012

O CEP Santa Tegra nos visita

Hoxe, para comezar a semana, tivemos unha visita especial.
Os alumnos de sexto curso do Colexio Público de Educación Primaria Santa Tegra de Teis achegáronse ó noso centro para compartir unha xornada con nós e coñecer máis de preto o traballo que facemos.
Este grupo de alumnos preparou unha pequena obra de teatro moi divertida, que representaron no noso centro, e como podedes ver nas fotos, nos arrincou máis dun sorriso.
Despois adicamos un tempo a cantar xuntos e a coñecernos. Visitaron as nosas instalacións e fixeron moitas preguntas.
Os rapaces se amosaron moi interesados polos traballos que facemos no centro, e algún deles marchou dicindo que o próximo curso ía solicitar matrícula no noso centro, que lle parecía moito máis divertido que o seu...
Como sempre, aquí tedes as fotos para que vexades como foi a xornada...
Moitas grazas pola vosa visita, rapaces...