10 ene 2014

Nadal en Atalaia

En entradas anteriores xa contamos algo das diferentes cousiñas que estivemos facendo para celebrar o nadal todos xuntos por Atalaia. Estivemos traballando na decoración da nosa "casa", recibimos ós nosos bos amigos do CEI Monte da Guía, compartimos un brinde coas nosas familias, etc.

Pero non foi o único que estivemos a facer estes días. Celebramos a Noiteboa e o Aninovo xuntos no centro, e tamén recibimos algunha que outra visita moi especial.

Para que vos fagades unha idea, aquí vos deixamos as fotos:



7 ene 2014

Brindamos coas familias por un 2.014 cheo de cousas boas...

O pasado luns 30 de decembro tivemos no noso centro unha xornada moi especial en compañía das familias dos nosos usuarios/as. Supuso unha oportunidade fantástica para coñecer as familias dos usuarios que se incorporaron ó centro fai pouco tempo, e saudar ás máis veteranas.

Durante as semanas previas estivemos traballando a reo elaborando un agasallo moi especial, un calendario do 2.014 totalmente personalizado de cada un dos nosos usuarios.

Compartimos un conto que nos axudou a reflexionar, compartimos algunhas panxoliñas, un puco de baile e rematamos facendo un brinde todos xuntos.

Aquí tedes as fantásticas fotos que Manuel G. Vicente, fotográfo amigo da casa, sacou de toda a xornada:

24 dic 2013

Compartindo os nosos mellores desexos polo Nadal co CEI Monte da Guía

O pasado mércores 18 de decembro tivemos polo centro unha visita moi especial. Un grupo de alumnos/as do CEI Monte da Guía achegouse ó noso centro para deixarnos un preciosos agasallo que nos acompañará ó longo das festas: unha fermosa árbore de nadal que decora a estancia principal do noso centro.

Foi unha actividade moi fermosa que queremos compartir con vós a través destas fotos:



BO NADAL!!!!

16 dic 2013

O Carteiro Real visita Atalaia

O pasado venres tivemos unha visita moi especial no centro: O Carteiro Real e a súa axundante pasaron polo noso centro a recoller as nosas peticións para trasladalas a SS.MM. Os Reis Magos de Oriente.

Foi unha visita moi emotiva, compartimos panxoliñas, bicos, abrazos e caramelos. Ademais cada un de nós achegou a súa petición. Houbo peticións de todo tipo, sobre todo encamiñadas a cambiar cousas que non nos funcionan ben por outras novas (uns queren uns xeonllos novos, outros uns pés, alguén pediu unhas orellas novas para poder escoitar, et.).

Tamén houbo peticións máis materiais, hai quen quere un ordenador portátil para poder seguir profundizando nas clases de informática, ou quen pediu un picardías, non sabemos moi ben para que. Tamén pedimos un xamón de pata negra e un cruceiro para todos/as.

Non sabemos se con esto da crise poderán ser atendidas todas as nosas peticións, pero por pedir que non quede...

En todo caso, non podemos deixar de dicir... MOITAS GRACIAS POLA VISITA, CARTEIRO REAL E COMPAÑÍA...



10 dic 2013

Atalaia abre as portas ó Nadal

Xa estamos en decembro, e nós estamos xa moi metidos nos preparativos do Nadal.

Estes días estivemos atarefados decorando o centro, elaborando os adornos para a nosa árbore, montando o belén, colocando as luces, etc.

Tamén estamos moi metidos na organización das festas. Temos varias sorpresas entre mans das que vos iremos dando conta en próximas datas.

Como adianto dos nosos traballos, achegamos as fotos do proceso de decoración da nosa árbore e o noso belén. Esperamos que vos gusten:


15 nov 2013

Magosto no CEI Monte da Guía

Xa vos contamos na entrada anterior que estabamos a preparar unha celebración do magosto moi especial co alumnado do CEI Monte da Guía.

 Xa levabamos moito tempo sen vernos, desde antes das vacacións de verán, e a verdade é que tiñamos moitas ganas de compartir con eles unha das nosas xornadas especiais.

 Encántannos os nenos/as, fan que apareza unha enerxía renovada en nós, e aínda que sempre acabamos todos moi cansos, voltamo ó centro con moi bó sabor de boca. E hoxe non foi distinto.

Pasamos boa parte da mañá con eles, cantando, escoitando as poesías que con tanto agarimo prepararon, bailando xuntos ó son das gaitas, comendo unhas deliciosas castañas, e xogando.

Desta vez os maiores tomamos o rol de mestres, e ensiamos ós máis cativos algún dos xogos de cando nós éramos nenos. Jose Luis ensinou cuhna paciencia infinita como se bota o trompo, un arte da que é todo un mestre, e que deixou ós nenos abraiados. Victoria e Mª Luisa foron as encargadas de ensinar a contriur castelos de carozos, mentras que Lito e Carlos se ocuparon de ensinar o xogo do golf-castaña.

Tamén Quina, Isita e Carmiña estiveron moi atarefadas ensinando o xogo da castaña, onde os nenos/as tiveron que afinar a súa puntería. Rematamos a xornada intercambiando agasallos e agarimos, e desexando que chegue pronto unha nova ocasión para poder compartir tempo con estes estupendos nenos/as e as súas profes.




 MOITAS GRACIAS POR INVITARNOS

Novembro, o mes do magosto

Como ben sabedes, o mes de novembro é o mes dos magostos, e nós, que somos moi fieis ás tradicións, non íamos deixar a oportunidade de celebrar o noso propio magosto en Atalaia.
 Pero como toda boa festa sempre require unha serie de traballos previos, xa levamos unha semana traballando a reo e programando as actividades a desenvolver.
Como non nos chegaba unha festa, decidimos facer dous. O xoves asamos castañas no centro, bailamos e lembramos algún dos xogos que máis nos facían sorrir cando éramos novos.
E despois o venres, aproveitando que tiñamos frescos todos eses xogos, nos achegamos ó CEI Monte da Guía para compartir co alumnado do cole, que xa son vellos conocidos,a súa festa do magosto e xogar un rato xuntos.
Para esta visita ó cole, decidimos preparar uns agasallos, que neste caso foron unhas medallas que elaboramos con castañas e un pouco de imaxinación. Aquí vos deixamos as fotos dos preparativos do noso magosto:


O xoves acompañounos un día fantástico así que na terraza do centro tivemos a oportunidade de celebrar unha xornada moi agradable na que non nos faltou de nada. Aquí tedes aproba: