4 jun 2014

En Xuño... María Barreno

Aquí vos deixamos as fotos da celebración do cumpreanos da nosa compañeira María, que o luns celebrou os 78.
Recibiu moi emocionada o agasallo que con tanto cariño preparamos para ela.


 Parabens María e que cumpras moitos máis!!!!!!

3 jun 2014

Nenos/as e maiores traballamos a nosa horta

Como podedes ver nas nosas últimas publicacións do blog, nestas últimas datas estamos traballando moito cos diferentes centros educativos que temos na nosa zona.
O traballo conxunto de nenos/as e maiores ten efectos moi positivos para ambos, que comparten experiencias, saberes,...

Desta vez, invitamos ós alumnos/as de 4º curso do CEP Santa Tegra para que compartisen con nós unha xornada de traballo na nosa horta.

Viñeron con moitas ganas de aprender e moi dispostos a axudarnos a poñer a horta a punto. Por iso hoxe nós, os maiores, asumimos un papel máis de mestres e supervisores mentres os nenos/as fixeron gran parte do traballo.


Divididos en dous grupos, os nenos/as aprenderon e experimentaron como hai que cavar a terra, limparon boa parte das malas herbas que atoparon no terreo, abonaron o campo, rastrillaron, etc.

Pero tamén tivemos tempo para plantar. Desta vez plantamos leitugas, incluidas as que coidaron os nenos/as na aula despois da actividade que compartimos en abril no seu cole para aprender a elaborar un semilleiro.

Tamén plantamos pementos, repolos, e acelgas, que se suman os tomates, leitugas, cabaciños e pementos que xa temos plantados na horta desde hai un tempiño e que pronto empezarán a dar os seus froitos.

Ó rematar regamos todo ben, e agora só nos queda esperar que medren moito para poder desfrutar das mesmas.

Ter a estes rapaces tan traballadores e cheos de enerxía por aquí esta mañá supuxo unha gran axuda para nós, xa que nunha soa xornada de traballo deixaron a nosa horta estupenda, limpiña e ben preparada.

Aquí tedes as fotos do que deu de si esta fantástica xornada:



29 may 2014

Compartindo saberes co alumnado do CEP Santa Tegra

O mércores 28 de maio tivemos no centro de día unha actividade moi especial.

Recibimos a visita dos alumnos/as de 6º curso de primaria do CEP Santa Tegra, que viñeron ó noso centro cunha misión moi concreta, recoller música e letra de cantigas tradicionais galegas, para poder incluilas dentro do proxecto que están a desenvolver de recompilación da tradición oral da nosa terra.

Acudiron a nós por dous motivos. Os maiores coñecen moitísimas cantigas, polo que os nosos usuarios/as eran unha fonte moi rica para poder recoller. Ademais, eles tiñan as letras de algunhas cantigas que recolleron na web, pero das que descoñecían a música.

Profesores do centro educativo e profesionais do Centro de día organizamos un encontro para que os nenos/as puidesen achegarse ós maiores e compartir con eles os seus saberes en canto a este tema.

E o resultado foi estupendo. Pasamos xuntos unha xornada moi agradable, na que tamén traballamos moito. Despois de adicar un tempo as presentacións, os nenos/as foron lendo as letras que tiñan recollidas pero das que descoñecían a música e os maiores fóronas cantando. Tamén adicamos un tempiño a ensinarlles algunhas cantigas festeiras, que cantamos xuntos acompañados por instrumentos de percusión que tocamos todos xuntos.

Con tanta algarabía houbo quen se atreveu a botar un baile e todo.

Nas fotos que fixemos da xornada podedes ver o ben que o pasamos, ó tempo que traballamos a reo.

Moitas gracias a estes mozos/as por vir e facernos pasar un rato tan agradable lembrando cantares da nosa mocidade ó tempo que axudábamos no seu traballo escolar.


19 may 2014

Recibimos a visita do Señor Obispo

O pasado venres pola mañá, en Atalaia recibimos unha visita moi especial e algo inesperada, o Obispo da nosa diócese.

Foi unha visita informal, na que o Obispo amosouse moi cercano e pasou un rato longo con nós, charlando cos maiores de temas moi diversos.
Aproveitamos para facernos unha foto todos xuntos de recordo desta visita.

16 may 2014

O noso maio... Atalaia de festa

Onte, acompañados por un día espléndido de sol e calor, construimos o noso maio e cantamos e bailamos ó redor del.
Pero non o fixemos sós.
Desta vez os nenos e nenas da aula de 2-3 anos da Escola Infantil Municipal Atalaia acompañáronos e colaboraron con moita ilusión na decoración dos maios, o seu e o noso.

Como xa sabedes, lévabamos toda a semana traballando a reo, recolectando flor e fiuncho polo barrio, elaborando guirnaldas de flor, coroas e coiares, etc.
Temos que agradecer a colaboración das familias, que nos axudaron moito achegándonos flores. Aquí podedes ver as fotos dos preparativos da festa nos días previos:


E estas son algunhas das fotos da actividade de onte.



Empezamos cedo montando a estructura do maio e cubrindoa co fiuncho, para despois saia á terraza engalados coas flores e decorar os maios coa axuda dos máis pequenos.

Houbo tempo de cantar e bailar, e de pasalo estupendamente todos xuntos.

12 may 2014

Maio, o mes das flores e o mes de María e Mercedes

O venres foi un día intenso.

A mañá celebrando os maios, e pola tarde compartimos unha festa con música, baile e tarta especial para agasallar ás nosas compañeiras Mercedes e María, que cumpriron 79 e 93 anos respectivamente.

Aquí tedes as fotos:


Compartimos a celebración dos Maios cos coles do barrio

O pasado venres 9 de maio pola mañá fixemos unha saída á Escola de Educación Infantil Monte da Guía.

Alí fomos recibidos polas profes e o alumnado do centro e tamén polo alumnado de 6º do CEP Santa Tegra.

Todos xuntos compartimos unha xornada na que traballamos a reo confeccionando un precioso maio.

Despois de tanto traballo, chegou o tempo de cantar coplas e bailar. Repartidos por grupos, cada un de nós, fixo a representación da copla que preparou.

O pasamos estupendamente.

Aquí tedes as fotos: