29 may 2014

Compartindo saberes co alumnado do CEP Santa Tegra

O mércores 28 de maio tivemos no centro de día unha actividade moi especial.

Recibimos a visita dos alumnos/as de 6º curso de primaria do CEP Santa Tegra, que viñeron ó noso centro cunha misión moi concreta, recoller música e letra de cantigas tradicionais galegas, para poder incluilas dentro do proxecto que están a desenvolver de recompilación da tradición oral da nosa terra.

Acudiron a nós por dous motivos. Os maiores coñecen moitísimas cantigas, polo que os nosos usuarios/as eran unha fonte moi rica para poder recoller. Ademais, eles tiñan as letras de algunhas cantigas que recolleron na web, pero das que descoñecían a música.

Profesores do centro educativo e profesionais do Centro de día organizamos un encontro para que os nenos/as puidesen achegarse ós maiores e compartir con eles os seus saberes en canto a este tema.

E o resultado foi estupendo. Pasamos xuntos unha xornada moi agradable, na que tamén traballamos moito. Despois de adicar un tempo as presentacións, os nenos/as foron lendo as letras que tiñan recollidas pero das que descoñecían a música e os maiores fóronas cantando. Tamén adicamos un tempiño a ensinarlles algunhas cantigas festeiras, que cantamos xuntos acompañados por instrumentos de percusión que tocamos todos xuntos.

Con tanta algarabía houbo quen se atreveu a botar un baile e todo.

Nas fotos que fixemos da xornada podedes ver o ben que o pasamos, ó tempo que traballamos a reo.

Moitas gracias a estes mozos/as por vir e facernos pasar un rato tan agradable lembrando cantares da nosa mocidade ó tempo que axudábamos no seu traballo escolar.


No hay comentarios:

Publicar un comentario