27 oct 2014

Campaña de Vacinación frente a Gripe


Estimados/as familiares e coidadores/as dos usuarios do centro de día “Atalaia”:

Coma tódolos anos por estas datas, a través dos centros de saúde dá comezo a campaña do Sistema Galego de Saúde (SERGAS) de administración de vacinas fronte a gripe.
A gripe é unha enfermidade altamente infecciosa que en persoas adultas sas non ten, xeralmente, demasiada gravidade. Pero en certos colectivos sí que pode constituír un risco grave de saúde, como é no caso de persoas coas defensas baixas, nenos e, no caso que nos ocupa, persoas maiores.
       
    Por todo isto recomendo que acudan ó seu centro de saúde, para asesorarse sobre a conveniencia de que se vacinen fronte a gripe as persoas maiores que están ó seu cargo, así como vostedes mesmos. Sería convinte que aproveitasen a visita ó seu médico de cabeceira, para revisar outras vacinas necesarias no maior, como son a vacina fronte ó neumococo (esta bacteria produce con frecuencia neumonías, con graves consecuencias para os maiores e inmunodeprimidos) e a vacina fronte ó tétanos e a difteria. É de utilidade que ó acudir ó médico do centro de saúde para revisar as vacinas necesarias para o maior, leve con vostede as antigas cartillas de vacinación que poida ter o maior na casa.

RECORDE, É MELLOR PREVIR QUE CURAR

Se o maior se atopase enfermo e sospeitasen de gripe, a mellor actuación será poñerse en contacto telefónico co centro de saúde, e deixalo namentres na casa, para evitar que infecte a outras persoas.

As vacinas preveñen moitas enfermidades graves, evitando tratamentos con moitos efectos secundarios e menos efectivos que unha vacina a tempo. Lembre que a Consellería de Sanidade habilitou un teléfono para atender emerxencias non urxentes: 986 806350. Tamén poden chamar ó seu centro de saúde para maior información sobre a campaña de vacinación.
NO CASO DE VACINAR O MAIOR, AGRADECERÍAMOS QUE NOS INFORMASE PARA QUE CONSTE NO CENTRO DE DÍA.




Carlos García Domínguez
Enfermeiro do Centro de Día “Atalaia”

13 oct 2014

Cumpreanos feliz... por partida cuádruple

Chegou outubro, e nada máis comezar o mes, catro das nosas usuarias celebran o seu cumpreanos, o día 5 Marina, o día 6 Mª Luisa e Teresa e María o 9 .

Para celebralo, organizamos unha festiña, que empezamos a preparar o mércores pola mañá cun obradoiro de repostería, no que un grupo pequeno de usuarias traballaron a reo para elaborar unha tarta coa que agasallar as catro homenaxeadas.

O xoves pola tarde foi o momento escollido para cantar o cumpreanos feliz, bailar algunhas pezas todos xuntos e entregar o agasallo que fixemos para cada unha delas con todo o noso agarimo.

Aquí tedes algunhas fotiños da xornada:


8 sept 2014

Facendo marmelada para agasallar ás nosas familias

Estes días, aproveitando os froitos das árbores que temos na nosa finca, estivemos traballando na elaboración de marmelada de pera e mazá, que degustamos no centro e tamén envasamos para agasallar ás nosas familias.

A xornada deu comezo coa recolleita da froita na nosa finca, para despois continuar co traballo de pelado e troceado, para posteriormente cocer a froita a fogo lento na nosa cociña.

Unha vez rematado este proceso, continuamos coas labores de envasado ó vacío en pequenos botes, así como o etiquetado do producto e decoración do mesmo.

O resultado do noso traballo xa o tedes nas vosas casas, así que desta vez si podedes dar boa conta do resultado. Xa nos contaredes...



26 ago 2014

Agosto en Atalaia

Levamos un tempiño co blog algo parado. Tedes que desculpar, pero con isto das vacacións, uns que chegan, outros que van, pois non tivemos moito tempo.

A pesares disto, o traballo polo noso centro continuou, eso sí, a un ritmo algo máis relaxado, que é verán (aínda que con esta climatoloxía non o pareza) e todos temos dereito a descansar.

 A nosa rutina estival consiste fundamentalmente en compartir todos xuntos as noticias do día, para manternos ó tanto do que acontece no mundo, para despois sair a pasear e desfrutar da nosa preciosa terraza. Sempre que as temperaturas o permiten, facemos algo de ximnasia e despois adicamos tempo a actividades variadas como poden ser regar as nosas xardiñeiras, coidar a horta, pasear ós cans, facer algunha receita na cociña aproveitando os froitos da horta, exercitar a mente, botar unha partida as cartas, ó dominó, etc.

 E tamén ademais desta rutina diaria, buscamos ocasións para saír do centro e desfrutar do que o nosos contorno nos ofrece. O pasado 5 de agosto, con ocasión das festas da Guía, achegámonos á Carballeira de A Guía a escoitar a misa. Aquí tedes algunha fotiño da saída:
Tamén recibimos a visita no noso centro dos cabezudos que viñeron acompañados polos gaiteiros do barrio, e repartiron animación e alegría a raudales.

E o 21 de agosto, aproveitando o bo tempo, achegámonos á praia da Etea a pasar a mañá. Algún incluso foi quen demeterse na auga. Outros preferiron "ver os toros desde a barreira".
Aquí deixamos algunha fotiña:

17 jul 2014

Atalaia pon rumbo á praia de Samil

Aproveitando estes días de sol e calor, divididos en pequenos grupos e apoiados por voluntarios da asociación Alborada, estamos indo a pasar a mañá á praia de Samil, coa idea de pasear, tomar o sol e darnos un baño facendo uso do programa de baño adaptado da Cruz Vermella.

A primeira das saídas a fixemos o martes 15 de xullo. Só houbo un valente que se atreveu a bañarse, o resto conformouse con mollar os pés. Tomamos o sol, paseamos pola area mollada e incluso xogamos unha pachanga de fútbol praia.

Foi unha mañá fantástica, diferente e moi divertida. Para proba, aquí tedes as fotos:


Este xoves tiñemos programada unha segunda saída, pero o tempo tan instable que estamos tendo este verán fixo que a pospuxésemos ata novo aviso.

11 jul 2014

Hoxe apetécenos... facer Tai Chi

Xa levamos un tempo colaborando de xeito regular coa asociación Alborada.
Para nós esta colaboración supón unha gran axuda, sobre todo á hora de facer saídas fóra do centro. Pero tamén desfrutamos moito coas súas visitas ó noso centro.

Onte, compartimos cun grupo de mozos e mozas unha sesión de Tai Chi adaptado, impartida por Julio, un dos educadores de Alborada.

Puxemos corpo e mente en forma e o pasamos estupendamente.

 Aquí tedes as fotos da xornada:

2 jul 2014

Fedellando na cociña

Onte foi día de meternos na cociña e poñernos a traballar.

Desde o centro de día procuramos ofrecer ós nosos usuarios actividades que resulten significativas, próximas á súa cotidianeidade, e partir de ahí traballamos a estimulación cognitiva e psicomotora, entre outras moitas cousas.

Aproveitando que a nosa pequena horta está empezando a dar froitos, cos preciosos cabaciños que temos, un pequeno grupo de usuarias do centro púxose mans á obra para cociñar para todos unha deliciosa crema de cabaciño.

Nas fotos podedes ver o proceso do noso traballo, do que daremos boa conta hoxe á hora da comida:


Pena que non poidades probala, porque quedounos para chupar os dedos.