25 abr 2013

Obradoiro de cociña interxeracional

Dentro do noso programa interxeracional, polo que nenos e nenas do barrio comparten con nós dúas tardes á semana, organizamos un obradoiro de cociña para que os máis cativos tiveran a oportunidade de experimentar cós alimentos.
Os maiores foron os encargados de dirixir o obradoiro no que elaboramos xuntos a merenda do día, uns deliciosos canapés de varios sabores.

Os de chocolate foron os que acadaron máis adeptos, aínda que os de atún con tomate tamén gustaron moito a nenos e maiores. Mirade nas fotos que concentrados e afaenados estabamos todos:


Abril... o mes de Quina, Mucha e Esther

Esta tarde estivemos de celebración por Atalaia.
Hoxe rendimos homenaxe os 86 anos de Quina, ós 84 de Esther e ós 79 de Mucha, que foron as protagonistas dunha fermosa tarde de baile, agarimos, tarta e agasallos.

Como mostra. aquí tedes as fotos da xornada:



18 abr 2013

Ensinando ás novas xeracións a coidar a horta

O profesorado do CEI Monte da Guía de Teis convidounos a compartir con eles unha xornada de plantación na pequena horta que teñen os nenos e nenas de 3 a 5 anos no patio do seu cole.

Nós aceptamos encantados a invitación, posto que xa sabedes que todo o que ten que ver có campo gústanos moito, e ademais estes pequenos son moi receptivos ás nosas explicacións. Así que para alá fumos...

E a xornada foi estupenda, o sol e a calor acompañounos, e entre todos, nenos e maiores preparamos a terra, abonamos e plantamos fresas, tomates e pementos...
Os nenos e nenas escoitaron moi atentos as nosas explicacións, observaron como faciamos a parte máis complexa do traballo e despois eles foron os encargados de poñer as plantiñas na terra.
Hoxe deixamos de lado as nosas dores e puxemonos a traballar, legón na man, posto que a causa ben merecía do noso esforzo.

Aquí tedes as fotos de todo:


¡¡¡¡Moitísimas gracias por convidarnos!!!
 Aquí tedes o enlace ó blog do CEI Monte da Guía:
 http://montedaguia.blogspot.com.es/2013/04/hoxe-traballamos-na-horta-cos-nosos.html

25 mar 2013

Bendición dos ramos en Atalaia

Hoxe, con motivo das celebracións propias da Semana Santa, e a petición dos nosos usuarios/as, celebramos no centro unha misa todos xuntos, que oficiou o padre Ramón, sacerdote da parroquia Nosa Señora das Nieves de Teis.

Aproveitamos para bendecir os ramos de olivo, posto que moitos dos maiores non puideron achegarse onte ás súas parroquias a cumprir coa fermosa tradición.

 Aquí tedes as fotografías da xornada:

Marzo... o mes de amosar as nosas cualidades artísticas

Se dicimos que Atalaia está cheo de artistas, creo que a estas alturas non vos descubro nada novo. Ó longo destes anos xa demos sobradas mostras das nosas habilidades para as artes escénicas, o canto, o baile e demais...

Pero este mes, no que a choiva non nos quere dar tregua, entrounos "a vena pictórica" e empregando unha técnica un tanto especial, decidimos poñernos a facer cadros para renovar a decoración das paredes da casa.
 
Despois dun mes cheo de traballo, xa temos resultados que amosar, así que aquí deixamos as fotos do proceso e do resultado para que poidades ver o que nos deu de sí un cartón, fariña, auga, sal e pintura acrílica.

Fixemos un traballo colaborativo, no que todos participamos, polo que son cadros de autoría compartida.

Os dous primeiros da remesa son os que vedes na foto da dereita, ós que decidimos bautizar, despois dun longo proceso deliberativo, co nome de "Laberinto de primavera I e II". Están expostos na galería do centro, nun lugar moi visible para que todo aquel que se achegue ó noso centro os poida desfrutar.

Aínda que lles temos moito cariño, por ser os primeiros, se algún de vós está interesado, podemos "negociar" un prezo de venda. (Igual cuela e nos facemos ricos). Tamén aceptamos encargos, así que xa sabedes...

Nós xa temos en marcha algún traballo máis, do que podedes ver as primeiras referencias nas fotos.

Aquí as tedes:



Orgullosos 83...

Os que seguides con regularidade o noso blog, ben sabedes que para nós cumprir anos é sempre motivo de celebración e recoñecemento.
Desta vez, é Ramiro o que celebra connosco o seu 83 cumpreanos.

¡¡¡¡¡¡Moitísimas felicidades, compañeiro!!!!!!!

Como xa é tradición por Atalaia, a tarta e o agasallo non poden faltar e as fotos para que poidades ser testigos de todo (ou case todo) o que acontece tampouco.

Aquí as tedes:


12 mar 2013

Tarde de celebración en Atalaia

Hoxe voltamos estar de celebración por Atalaia.
Desta vez o "culpable" foi Jose Castro, que cumpliu o pasado domingo uns espléndidos 83 anos de nada.
¡¡¡Moitísimas felicidades Jose!!!!






Todas as mulleres da casa quixeron achegarse a felicitar a Jose, que como poderedes ver nas fotos, repartiu bicos a reo.
Adicamos un tempo a botar un baile, por iso de ir queimado as calorías do que viña despois, esa magnífica tarta de froitas que podedes ver na imaxe.

Despois cantamos xuntos esa fermosa canción que di "Cumpreanos feliz..." e fixemoslle entrega dun agasallo feito con todo o noso agarimo para que lembrase algúns dos seus mellores momentos do ano no centro de día.

Para rematar, todo xuntos demos boa conta da tarta, da que, sentíndoo moito polos que non estivestes, non deixamos nin as migas...

Aquí podedes ver as fotos da tarde: