Xa sabedes que no noso centro levamos máis de dous anos coidando dunha pequena horta que temos nos terreos do edificio que acolle ó Centro de Día e a Escola Infantil Municipal.
Despois destes meses de choiva, levamos un par de semanas traballando a reo para poñela outra vez a punto. Estivemos limpando, removendo a terra, aboando e xa iniciamos algunhas plantacións.
Neste momento xa temos unhas fermosas fresas, cebolas, allos, allos porros, xudías, tomates e pementos, que próximamente completaremos con leitugas, berenxenas, calabacíns e remolacha.
Pronto subiremos fotos ó blog para que o vexades todo.
Pero ademais destes traballos, este ano, como novidade, decidimos completar a nosa horta cunha segunda horta, ubicada esta nunha das nosas fermosas terrazas, co obxectivo de achegar a posibilidade de participar nos coidados a aqueles usuarios que teñen máis dificultades de desprazamento e accesibilidade á horta.
Decidimos plantar tomates, pementos, xudías, fresas, e berenxenas nas xardiñeiras, ademais das flores que xa tiñamos.
Nas fotos podedes ver o moito que traballamos para poñela en marcha. Polo momento as prantas están pequenas, pero agardamos que con todos os nosos coidados pronto medren e poidamos recoller os deliciosos froitos do noso traballo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario