Comezou o mes de maio, o mes das flores.
Como cada ano por estas datas, celebramos a Festa dos Maios coa construción dun maio e o ensaio de cantigas e danzas tradicionais.
Este ano temos previsto celebrar a festa con dous actos diferentes. O primeiro será o próximo venres 9 de maio cando un grupo de maiores desprazaranse o EEI Monte da Guía, para compartir a festa co alumnado do centro e tamén con CEP Santa Tegra. (Construiremos xuntos o maio da escola e aproveitaremos para ensinarñes danzas e cantigas tradicionais.)
Asimesmo, o próximo xoves 15 de maio celebraremos a nosa propia festa no centro, pola mañá.
Xa estamos metidos de cheo nos preparativos.
Igual que fixéstedes o ano pasado, gustaríanos que participedes, na medida das vosas posibilidades, axudándonos coa recolección das flores, polo que vos pedimos que entre o luns 12 e o mércores 14 de maio nos fagades chegar fiuncho, pampillo (pequenas margaridas silvestres de cor amarelo), calas, rosas, claveis, ou calquera tipo de flor que teñades na casa e que non se marchite con excesiva facilidade.
Non se trata de que todos enviedes de todo, senón que cada un de vós colabore na medida que lle sexa posible, sen grandes complicacións, e por suposto, sen comprar nada. Se tedes algunha dúbida, podedes poñervos en contacto con nós a través das canles habituais.
Nós completaremos a vosa aportación con saídas en pequenos grupos de usuarios a recolectar polos campos do barrio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario